Bobby Charlton
Robert Charlton, coñecido como Bobby Charlton, nado o 11 de outubro de 1937 en Ashington (Northumberland) e finado o 21 de outubro de 2023, foi un futbolista inglés, que xogaba como centrocampista. Foi galardoado co Balón de Ouro en 1966, o mesmo ano que foi campión do mundo coa selección inglesa. Era coñecido pola súa chegada ao remate dende o mediocampo e os seus brillantes disparos dende lonxe.
Debutou co primeiro equipo do Manchester United en 1956 e nas dúas tempadas seguintes conseguiu facerse cun posto no once inicial. Nesa época, sobreviviu ao accidente de aviación de Múnic de 1958.
Despois de axudar ó United a gañar a liga en 1965, conseguiu ao ano seguinte ser campión coa selección inglesa, no Mundial disputado neste meso país. En 1968 gañou a Copa de Europa, anotando dous goles na final. Deixou o United en 1973 para facerse cargo coma adestrador-xogador do Preston North End, cargo no que ficou só un ano.
Retirouse como o máximo anotador tanto da selección coma do United, e como o xogador con máis encontros disputados co club, ata que foi superado por Ryan Giggs en 2008.
En 1984, e despois de ser preparador do Wigan Athletic F.C. por un tempo, volve ó club da súa vida, o Manchester United, coma un dos asesores deportivos do equipo, cargo que mantén ata o día de hoxe.
Os comezos
[editar | editar a fonte]Un dos seus tíos, o central do Newcastle United Jackie Milburn era futbolista profesional, mais a súa primeira adestradora foi a súa nai Cissie. O seu irmán máis vello Jack traballaba nas minas e tentaba entrar na policía antes de facerse futbolista.
O 9 de febreiro de 1953, un representante do Manchester United, Joe Armstrong viuno xogar nas escolas de East Northumberland. Chrlton asinou co United, rexeitando ofertas doutros clubs.
Charlton converteuse nun dos famosos Busby Babes, un cadro de xoves talentos que emerxeron das categorías inferiores do club nos anos 40,50 e 60, un plan a longo prazo concibido por Sir Matt Busby para reconstruí-lo equipo trala segunda guerra mundial. O seu debut co primeiro equipo prodúcese contra o Charlton Athletic en outubro de 1956. Neses intres andaba a face-lo servizo militar en Shrewsbury xunto cun compañeiro de equipo Duncan Edwards. Os dous xogadores libraban a fin de semana para poder disputa-los encontros do equipo.
Entrando no primeiro equipo
[editar | editar a fonte]Charlton participou en 14 encontros co United naquela primeira tempada. Gañaron o título de liga, mais perderon na final da FA Cup contra o Aston Villa, quedando así a piques de alcanza-lo dobrete.
Na tempada seguinte Charlton xa era un fixo nas aliñacións do equipo, e ese ano chegaron ás semifinais da Copa de Europa, onde perderon co Real Madrid. Deste xeito o United comezou a facerse un nome en Europa. Hai que lembrar que naqueles tempos ningún equipo inglés lograra a vitoria final nunha competición europea de clubs.
O accidente aéreo de Múnic
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Accidente de Múnic.
O 5 de febreiro de 1958, o voo chárter que levaba os xogadores e o cadro técnico do United dende o aeroporto de Zemun ata Manchester parou na cidade de Múnic para repoñer. O tempo foi empeorando e, para cando a carga rematou, o avión tentou a engalaxe por dúas veces sen conseguilo, ao abortar o piloto as manobras por un ruído que non foi capaz de identificar. Os pasaxeiros tiveron que desembarcar de novo algo antes das tres da tarde e ás 3.04 minutos iniciábase a terceira engalaxe. Tommy Taylor e David Pegg pedíronlles a Charlton e a Dennis Viollet troca-los asentos, xa que se sentían máis seguros indo na parte de atrás do avión.
Por causa dunha racha de auganeve ao final da pista de engalaxe, o avión perdeu velocidade e foi bater contra unha casa e un camión de combustible. Rompeu á metade. Charlton, que estaba con cinto de seguridade no seu asento, saíu despedido cara a fóra. Charlton sufriu cortes na testa nun severo shock, polo que estivo unha semana no hospital. Sete dos seus compañeiros pereceron no accidente, incluídos Taylor e Pegg. O capitán Roger Byrne tamén morreu xunto con Mark Jones, Billy Whelan, Eddie Colman e Geoff Bent. Duncan Edwards faleceu dous días despois a causa das feridas. En total o sinistro cobrou 24 vidas.
O propio Charlton foi o primeiro supervivente en deixa-lo hospital. Volveu a Manchester o 14 de febreiro de 1958, oito días logo do accidente. Durante un tempo estivo recuperándose cun equipo de xuvenís. Tiña só 20 anos e había unha grande expectación por saber se participaría na reconstrución do club. Nestas circunstancias, o United foi eliminado na Copa de Europa polo AC Milan en semifinais, e comezou a perder posicións na liga. De calquera xeito si chegaron á final de Copa de Inglaterra de fútbol, onde saíron derrotados 2-0 polo Bolton Wanderers.
Heroe do Manchester United e de Inglaterra
[editar | editar a fonte]Charlton foi chamado para xogar coa selección por vez primeira para un encontro contra a Escocia no estadio de Hampden Park.
Neste encontro Inglaterra gaña por 4-0 e Charlton anota o seu primeiro gol coa camisola de Inglaterra, unha fermosa volea tras un centro do extremo esquerdo Tom Finney.
Así, foi escollido para disputa-lo Mundial de 1958 en Suecia, mais non xogou nin un só minuto. Houbo moitas críticas ao adestrador por este motivo, xa que aínda por riba a actuación inglesa na competición foi bastante pobre.
Charlton empezaba por aqueles tempos a coller fama de gran goleador e de autor de fermosos goles. En 1959 fai dous hattricks nas vitorias contra Estados Unidos e México por 8-1 e 8-0 respectivamente.
En 1962, participa no Mundial de Chile onde a pesar da súa boa actuación os ingleses caeron en cuartos de final contra o Brasil.
De volta ao fútbol de clubs, o United gaña a FA Cup en 1963 e a liga en dúas ocasións 1965 e 1967, e no medio, en 1966 é galardoado co Balón de Ouro, premio ao mellor xogador europeo do ano.
Agora a selección era adestrada por Alf Ramsey, que fixo un equipo en torno a Charlton, que xogaba de medio atancante con liberdade para chegar á meta contraria. No mundial que estaba a piques de xogarse, agardábase que destacara coma un dos mellores futbolistas do mundo.
O éxito de 1966
[editar | editar a fonte]O encontro de apertura do torneo, contra Uruguai, foi o 69 para Charlton con Inglaterra e rematou cun empate a cero. A continuación enfrontáronse con México e aquí Bobby Charlton anotou un dos goles máis famosos da súa carreira.
Colleu o balón no medio no círculo central do estadio de Wembley e fixo un recorte para desfacerse un xogador mexicano. Así conseguiu abrir un espazo libre cara a adiante, avanzou uns pasos e dende uns 35 metros lanzou un fortísimo disparo que rematou na escuadra esquerda da meta mexicana; o resultado final foi de 2-0. Contra a Francia obtiveron tamén un 2-0 e Inglaterra clasificábase para os cuartos de final.
Aquí enfrontáronse á Arxentina, vencendo por 1-0.
Nas semifinais o rival é Portugal, encabezados pola súa estrela Eusebio. Cun gol de Charlton e outro de Geoff Hurst aseguran o pase á final contra a RFA.
Segundo as crónicas foi un grandísimo encontro aínda que dúas das estrelas de ámbolos conxuntos marcábanse un ó outro - Charlton e Beckenbauer - e a súa participación foi menor do que se agardaba. Inglaterra levouse o encontro na prórroga cun polémico gol de Hurst, o 3-2, no que o balón rebotou no longueiro e na liña de gol, saíndo despois da meta. Naqueles intres o colexiado, tras consulta-lo xuíz de liña, deu validez ao gol. Diversos planos das cámaras que estaban a filma-lo encontro demostraron tempo despois que o balón non traspasou completamente a liña. Hurst asinaría o seu terceiro gol do encontro no derradeiro minuto, facendo un hattrick e poñendo no marcador un resultado final de 4-2 para Inglaterra.
O irmán máis vello Bobby, Jack Charlton tamén participou nese encontro, sendo un dos centrais xunto a Bobby Moore.
Gloria europea
[editar | editar a fonte]O seguinte encontro internacional foi o seu número 75, cando Inglaterra derrotou a Irlanda do Norte. Estaba só a dous de se-lo segundo xogador máis veces internacional coa selección do seu país.
En 1968, o manchester United chega á final da Copa de Europa, dez anos despois do Desastre de Múnic. o seu rival era o Benfica. Por vez primeira unha escuadra inglesa chegaba tan lonxe na competición. O encontro rematou cun 4-1 favorable ao United, con dous goles de Charlton, no que se houbo de xogar unha prórroga. El mesmo, coma capitán levantaría o trofeo.
Semanas despois racha o récord de goles coa selección, que tiña Jimmy Greaves con 44, anotando o seu 45 tanto nun amigábel contra a Suecia.
Ese mesmo ano, na Eurocopa chegarían ata semifinais, caendo fronte a Iugoslavia.
En 1969, é premiado coa OBE polos seus servizos ao fútbol.
Mundial 1970 e retiro do fútbol
[editar | editar a fonte]A Inglaterra comezou o torneo con dúas vitorias e unha memorable derrota contra o Brasil no grupo. Charlton disputou os tres encontros, mais foi substituído contra Checoslovaquia para darlle repouso cara aos cuartos de final.
Aquí enfrontáronse á Alemaña Federal. Os xermanos, desta volta, tomaron cumprida vinganza da derrota que sufriron catro anos antes, e trala prórroga, fixéronse co encontro grazas a un gol de Gerd Muller, que puxo o definitivo 3-2 no marcador.
Charlton xogara o seu derradeiro encontro coa selección cun récord de 106 encontros e 49 goles. Co paso dos anos Bobby Moore e Peter Shilton superaríano en número de encontros internacionais mais o seu récord de goles fica ata o día de hoxe.
O Manchester United estaba a grandes dificultades a comezos dos anos 70, loitando contra o descenso na liga, e con problemas no vestiario, xa que o propio Charlton e outras estrelas da escuadra coma George Best e Denis Law non se falaban. Finalmente ao remate da tempada 1972-73, Charlton abandona o club, deixando para a historia 752 encontros disputados e 247 goles, marca que aínda segue sen superarse ata o día de hoxe.
Despois do fútbol
[editar | editar a fonte]Charlton converteuse en adestrador-xogador do Preston North End en 1973, contando coa axuda do seu compañeiro no United e na selección Nobby Stiles, tamén coma adestrador-xogador. A única tempada que estivo alí non foi foi moi exitosa, e decidiu retirarse. De tódolos xeito ese mesmo ano foi premiado coa CBE.
Nesta nova etapa, adicouse ós negocios en varias áreas, coma viaxes, xoiaría e tamén abriu escolas de fútbol no Reino Unido, os Estados Unidos de América, o Canadá, Australia e a China. En 1984, invitárono a unirse ó equipo de directores técnicos do United, posto no que segue ata hoxe.
Recibiu o título de cabaleiro en 1994 e foi un dos xogadores incluídos no English Football Hall of Fame cando este se inaugurou no ano 2002. Acerca disto comentou “Estou moi orgulloso de estar no "National Football Museum’s Hall of Fame". É unha grande honra. Se te fixas nos nomes incluídos, teño que dicir que non podo discutir ningún. Todos don grandes xogadores e persoas e estou encantado de ter xogado con eles”. Tamén é presidente de honra do National Football Museum, unha organización da que dixo “Non son quen de maxinar un museo mellor”.
Miscelánea
[editar | editar a fonte]Coñeceu a súa muller Norma nunha pista de xeo en Manchester no ano 1959 e casaron dous anos despois. Teñen dúas fillas - Suzanne e Andrea - a primeira das cales fai espazos de predición do tempo na BBC.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Manchester United: The Betrayal of a Legend" por Crick, Michael e Smith, David. Editado por Pan Books en 1990.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Futbolistas de Inglaterra
- Centrocampistas de fútbol
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Manchester United FC
- Xogadores do Preston North End FC
- Xogadores do Waterford United FC
- Xogadores do Blacktown City FC
- Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA
- Xogadores da selección de fútbol de Inglaterra
- Balón de Ouro
- FIFA 100
- Nados en 1937
- Finados en 2023
- Nados en Northumberland
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1958
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1970
- Futbolistas gañadores do Mundial
- Adestradores de fútbol de Inglaterra
- Adestradores do Preston North End FC
- Adestradores do Wigan Athletic FC