Sabugueiro
Sabugueiro | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sabugueiro en flor. | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Sambucus nigra L. | |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
O sabugueiro (provén de sabugo, e este do latín sabucus, -i)[2] ou bieiteiro[3] (Sambucus nigra) é unha planta arbustiva e medicinal, de 2 a 4 metros, da familia das adoxáceas. Común en Galiza, tamén recibe os nomes de sabugueiro negro e sabugo[4] bieito ou biouteiro.
Descrición
[editar | editar a fonte]Trátase dun arbusto ou árbore pequena, de pólas fráxiles ó teren unha abundante medula branca esponxosa. As follas son opostas e caducas, imparipinnadas: compostas de 5-7 folíolos de forma lanceolada ou oval e bordo aserrado. As flores son pequenas, pentámeras e de cor branca ou amarelada, formando densos corimbos terminais que agroman a finais da primavera ou no verán. O froito (os sabugos) é unha baga pequena, negra ou violácea que madurece a fins de agosto e en setembro.
Usos
[editar | editar a fonte]Propiedades medicinais e alimento
[editar | editar a fonte]É unha planta con propiedades medicinais, sendo utilizada dende a antigüidade; contén aceites esenciais, taninos, ácidos orgánicos, ácidos animados, azucres, abundante vitamina C, e unha serie de glicósidos como a rutina e a sambunigrina. As flores, comestíbeis, posúen propiedades diuréticas e emolientes, e os froitos son purgantes. As infusións das flores son boas para gripes e catarros; tamén como laxante suave. En uso externo (lavados, locións ou compresas) aplícase para trata-las dermatoses, feridas, queimaduras e conxuntivite. En Celanova está documentado o seu uso contra a erisipela, e en Lourizán (Pontevedra) contra o xarampón.
Os froitos frescos e maduros empréganse na elaboración de saborosas marmeladas, xaropes e viño. A planta ten un particular recendo e é amarga. As sementes conteñen glicósidos cianoxenéticos (xeradores de cianuro) e na casca así como nas follas e os froitos non maduros contén sambunigrina que, en contacto cunha encima, chamada emulsina, produce tamén ácido cianhídrico. Non debe comerse cru, mais si se pode consumir despois de sometelos a cocedura ou maceración. A casca pode resultar tóxica, especialmente a altas doses. O contacto da pel coas follas e bagas pode tamén producir dermatite. Os síntomas que se producen, en caso de intoxicación, son semellantes ao que resultan de inxerir améndoas amargas.
Outra especie semellante presente en Galiza é o Sambucus ebulus (engo ou sabugueiriño), porén o porte desta última é herbáceo e ten un fedor característico. Os seus froitos son moi tóxicos.
Madeira
[editar | editar a fonte]A madeira é dura e moi resistente á auga, servía para facer estacas. Con ela construíanse ferramentas agrícolas e até foi empregada en ebanistaría. O nome de sabugueiro Sambucus procede do grego sambuké, que significa frauta, a razón é que antigamente baleirabase o miolo das pólas para que ficase un tubo oco co que se facían frautas.
Etnografía
[editar | editar a fonte]En Galiza o froito utilizábase para lle dar sabor ou escurecer o viño. Os rapaces facían cos talos tiracroios e frautas baleirando o miolo. Cos froitos moi maduros pódese elaborar un xarope laxante. As follas usábanse para escorrentar as moscas dos cabalos polo recendo. Facíase un feixe destas follas e levábase cando se cabalgaba. Por ese mesmo cheiro desagradable das follas, úsase como antídoto para expulsar certos animais considerados daniños, coma sapos, cóbregas, píntegas etc. (Mariño 1985:131).
En Bélxica fan cos sabugos cervexa que recibe o nome de Cervexa Blierke.
Esoterismo
[editar | editar a fonte]Tamén se lle atribuían ao sabugueiro virtudes máxicas, sendo unha planta sagrada no mundo celta. Dende a antigüidade empregábanse as varas co fin de simbolizar o poder sobre o mundo "invisíbel".
En Galiza o sabugueiro úsase na véspera de San Xoán coma herba máxica , especialmente as flores, que reciben o nome de flores de San Xoán.
Tense tamén a crenza de que queimar a madeira do sabugueiro é perigoso. O viño de sabugo disque foi o derradeiro agasallo da Deusa Terra, polo que non debe ser bebido pola xente común, senón por sacerdotes ou meigos, xa que posibelmente produciría alucinación, polo que se empregaba en rituais de adiviñación. Non respectar as normas de conduta e arrincar pólas de sabugueiro ou comer os froitos traía a má sorte; dicíase tamén que a persoa que tallase un sabugueiro podía quedar cega e incluso perder os seus fillos, e no mellor dos casos, ver enfermar o seu gado. Polo que segundo a mitoloxía cómpre tratar esta planta con respecto e antes de apañar follas, froitos ou pólas deberemos pedir permiso e agradecer deixando unha ofrenda dos nosos cabelos, unhas moedas ou algo de mel.
Disque, na antiga Inglaterra, os poderosos meigos de antano utilizaban as varetas de sabugueiro para seren invencíbeis a calquera outro meigo.
Acepcións na cultura
[editar | editar a fonte]Na serie Harry Potter, da escritora británica J. K. Rowling, é coa madeira desta árbore que está feita a Vareta Letal ou a Vareta do Fado, unha vareta máxica considerada coma a máis poderosa do mundo, que pasou de xeración en xeración por medio do roubo e o asasinato (cada portador desposuíu ao anterior da vareta e moitos teñen sido asasinados polos ladróns).
Nome común
[editar | editar a fonte]Tiroteiro, sempreverde, samugueiro, sabugueiro, sabugo, estraloque, caneleiro, biuteiro, biouteiro, bioteiro, binteiro, bienteiro, bieito, bieiteiro, benteiro, beneiteiro, bantieiro, baíto e baiteiro[5].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Lenticelas nun caule novo de S. nigra.
-
Flores do sabugueiro.
-
Inflorescencia (corimbo).
-
Froitos imaturos.
-
Froitos maduros (sabugos).
-
Marmelada de sabugueiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Sambucus nigra". Sistema de Información de Biodiversidade (Argentina) (en castelán). Consultado o 4 de setembro de 2018.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sabugueiro.
- ↑ Nomes vulgares galegos en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004; Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Dicionario da Real Academia Galega A Coruña, RAG, 2012
- ↑ Ambos os dous recollidos xunto ao de bieiteiro pola Real Academia Galega
- ↑ "Sabugueiro, bieiteiro (Sambucus nigra L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 25 de setembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Sambucus (xénero)
- Sabugueiriño
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sabugueiro |
- Artigo Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine. de Afonso Eire López en ANT
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mariño Ferro, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
- Rigueiro Rodríguez, Antonio, e outros: Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, Vigo 1996.