Saltar ao contido

Rastrexabilidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A rastrexabilidade consiste na posibilidade de encontrar e segui-lo rastro, a través de tódalas etapas de produción, transformación e distribución, dun alimento, un penso, un animal destinado á produción de alimentos ou unha substancia destinados a ser incorporados en alimentos ou pensos ou con probabilidade de selo [Rgto CE 178/2002, art. 3].

O principio de rastrexabilidade foi establecido por primeira vez en Europa no Regulamento europeo nº 178/2002, que entrou en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2005. No seu artigo 18 estableceu, con carácter horizontal, para tódalas empresas alimentarias e de pensos que forman parte da cadea alimentaria, a obriga legal de poñer en marcha, aplicar e manter un sistema de rastrexabilidade.

Posteriormente, o Rgto CE 1935/2004 impuxo a mesma obrigatoriedade para tódolos materiais de envase e embalaxe que poidan entrar en contacto cos alimentos. Esta segunda norma entrou en vigor o 27 de outubro de 2006.

Obxectivo

[editar | editar a fonte]
Etiquetas con códigos de barras.

O obxectivo da rastrexabilidade consiste en facer posible unha actuación rápida e completa sobre unha partida de alimentos sobre a que poida existi-la sospeita ou a certeza de que poida representar un problema sanitario para os consumidores, e, desta forma, poder proceder á súa retirada do mercado no prazo máis breve posible e con garantías de actuar sobre toda a partida ou a maior cantidade posible. Este obxectivo fai da rastrexabilidade un elemento básico do principio da seguridade alimentaria.

Para garanti-la rastrexabilidade, as empresas alimentarias e de pensos deberán poder identificar a calquera provedor que lles subministrara unha materia prima, envase ou penso. Igualmente, deberán poder identifica-las empresas ás que subministren os seus produtos. Para que o sistema sexa eficaz, a posibilidade de atopar e identifica-lo alimento debe manterse en todas e cada unha das etapas da cadea alimentaria, desde a produción primaria ata o momento da entrega ou venda ó consumidor final.

Para conseguilo, tódolos alimentos, envases e pensos comercializados na Comunidade europea deberán estar adecuadamente etiquetados e identificados para facilita-la súa rastrexabilidade mediante a documentación ou información adecuadas que permitan unha identificación inequívoca.

Son os operadores das empresas alimentarias, responsables da seguridade alimentaria de tódolos produtos que poñen no mercado á disposición do consumidor, quen deben desenvolver e aplica-los mecanismos que permitan segui-la rastrexabilidade dos seus produtos, e corresponde á Administración pública verificar que o fan e que os sistemas implantados polas empresas se cumpren e son eficaces.

Metodoloxía

[editar | editar a fonte]

Non existe norma legal, europea nin nacional, que especifique como debe se-lo sistema de rastrexabilidade que adopte cada empresa. En realidade, o Regulamento nin sequera obriga a identifica-los produtos senón ós provedores e ós clientes inmediatos. Pero parece lóxico que, para cumpri-lo seu obxectivo, debe desenvolve-los seguintes aspectos:

  1. Os datos do produto: materias primas a partir das que foi elaborado o alimento, provedor, data de entrada, proceso ou procesos ás que foron sometidas, produto resultante, presentación e almacenamento, data de venda e cliente. Igualmente, é necesario coñecer a que controis foi sometido e o resultado dos mesmos.
  2. A identificación do produto: sistema de identificación e/ou loteado que permitan identificar un produto ou unha agrupación de produtos. Resulta imprescindible poder relaciona-las materias primas (e os provedores) cos alimentos fabricados (e os seus clientes), o que esixe desenvolver un sistema de rastrexabilidade interna.
  3. A relación entre a identificación do produto e os datos sobre o mesmo: o sistema debe permitir relacionar inequivocamente uns e outros, de forma que a partir dun número de lote determinado poidamos coñecer todo o historial do produto ou, polo contrario, que sabendo ese historial poidamos identificar todo o alimento elaborado con aquelas materias primas e a súa distribución.

Por todo o anterior, podemos establecer tres fases:

  • rastrexabilidade cara atrás ou de provedores: é a posibilidade de coñecer que produtos entran na empresa e quen é o seu provedor. É dicir, a empresa debe coñecer exactamente os ingredientes do alimento e a súa orixe, así como os materiais de envase e embalaxe.
  • rastrexabilidade interna ou de proceso: é o seguimento dos produtos dentro da empresa alimentaria, independentemente de se se comercializan directamente ou se utilizan como materia prima para a elaboración de novos produtos.
  • rastrexabilidade cara adiante ou de clientes: é a posibilidade de coñece-los produtos que se elaboran na empresa e cando e a quen se venderon, para poder localizar toda a partida elaborada en caso necesario.

Observacións

[editar | editar a fonte]

A maior parte da literatura técnica utiliza a forma trazabilidade, calco do inglés trazability / traceability, adaptado directamente ó galego coma se fixo co castelán (trazabilidad, que tamén utiliza a forma rastreabilidad), co catalán (traçabilitat) ou co francés (traçabilité) ou o portugués (rastreabilidade).

En 2012 o Termigal publicou o Dicionario de alimentación e restauración que recolle o termo rastrexabilidade e como sinónimo rastreabilidade.[1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  1. Xunta de Galicia (ed.). "Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés" (PDF). Consultado o 5 de abril de 2018. 
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy