Estación de Vigo-Urzaiz
Vigo-Urzaiz | |
---|---|
Estación de Vigo-Urzaiz | |
Situación | Praza da Estación s/n 36201 Vigo |
Servizos | |
Intermodalidade | |
Bus | 4A, 4C, 5A, 9A, 9B, 11, 15B, 15C, 24 |
Taxi | Si |
A estación de Vigo-Urzaiz é unha estación de ferrocarril de Adif situada na cidade de Vigo. Constitúe unha das cabeceiras da liña 06-850 "Vigo-Urzaiz - Bifurcación de Arcade", integrada no eixe atlántico de alta velocidade. O edificio, deseñado por Thom Mayne, foi inaugurado oficialmente o 16 de abril de 2015[1] e dous días máis tarde abriu ao público.[2]
Está situada na praza da Estación, no céntrico barrio de Casabranca, próxima á rúa de Urzaiz (que dá nome á terminal) e no mesmo lugar onde se atopaba a antiga estación de Vigo, derrubada en 2011 e substituída provisionalmente pola estación de Vigo-Guixar.[3] Actualmente, Guixar concentra os servizos de Longa Distancia, Rexionais e internacionais, mentres que Urzaiz é punto de chegada e partida dos trens directos entre A Coruña e Vigo.
Historia
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Antiga estación de Vigo.
En xaneiro 2011 o Ministerio de Fomento adxudicou á UTE formada polas empresas FCC e Acciona as obras da nova estación de Vigo-Urzaiz, cabeceira do eixe atlántico de alta velocidade. O orzamento da adxudicación ascendeu a 68,4 millóns de euros.[3] O proxecto consiste na execución da obra civil a nivel de praia de vías (nivel de plataformas) da nova estación de Vigo-Urzaiz, a cal se sitúa no mesmo lugar que a estación de 1987, pero a unha cota 15 metros inferior, como consecuencia do trazado adoptado para o acceso a Vigo da nova liña ferroviaria do eixe atlántico, e cuxo acceso se realiza, desde Redondela, a través do túnel das Maceiras, de 8 km de lonxitude.[3]
A nova estación, que será intermodal, proxectouse cun total de seis vías, con catro plataformas de 400 m de lonxitude e de entre 10 e 12,7 m de largo, situadas de forma que todas as vías sexan operativas para o tránsito de viaxeiros.[3]
O 27 de agosto de 2011 pechou temporalmente a estación de Vigo, procedendo á demolición de todas as instalacións (incluíndo as naves de mantemento) para logo construír unha estación subterránea 15 metros por debaixo da cota orixinal. Os servizos ferroviarios desviáronse á estación de Vigo-Guixar, que ata entón funcionara como estación de mercadorías. Os talleres de mantemento foron trasladados definitivamente á estación de Redondela en xullo de 2012.
A continuación iniciáronse as obras da infraestrutura ferroviaria, que finalizaron en marzo de 2015. Inicialmente íase construír un centro comercial enriba do caixón ferroviario pero a falta de interese dos promotores privados fixo aprazar a obra, deixando as estruturas preparadas para a súa construción no futuro. Por este motivo tívose que construír un edificio provisional fóra da parcela para poder dar servizos ferroviarios, preparado para compatibilizar coas futuras obras do centro comercial Vialia.
O 6 de marzo de 2015 entrou o primeiro tren, serie 121 de Renfe, á nova estación en probas.[4] O 16 de abril de 2015, 14 nos despois de se asinar o convenio para actualizar o trazado ferroviario que vertebra Galicia, realizouse a viaxe inaugural, coa presenza da ministra de Fomento Ana Pastor e do presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, desde a estación da Coruña.[1]
Finalmente, o sábado 18 de abril de 2015 entrou en servizo comercial a liña de alta velocidade Vigo-A Coruña, cunha oferta de dez frecuencias diarias por sentido. O novo traxecto ten unha duración de 83 minutos, o que representa unha diminución de 47 min respecto a anterior.[2] Desde entón, Vigo-Urzaiz acolle os servizos de alta velocidade, mentres que os servizos convencionais e o enlace internacional con Portugal continúan na estación de Vigo-Guixar.
O 30 de setembro do 2021, e tras adiarse varias veces por mor da pandemia da COVID-19, abriu as portas ao público xeral o centro comercial Vialia, localizado no mesmo complexo. Conta con máis de 43.000 metros cadrados de superficie comercial con 120 marcas e unha praza pública de 30.000 metros xunto a Vía Norte.
Servizos ferroviarios
[editar | editar a fonte]Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Media distancia
[editar | editar a fonte]Actualizados a 10 de xuño de 2016.
Liña | Trens | Orixe/Destino | <> | Destino/Orixe |
---|---|---|---|---|
1 | MD | A Coruña | Vigo-Urzáiz |
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Obras para a nova estación en 2012.
-
Vista xeral da nova estación, en obras.
-
Acceso, en obras.
-
Plataformas, en obras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Fomento estrena hoy el tren que reduce el viaje A Coruña-Vigo a poco más de una hora" Faro de Vigo, 30/03/2015.
- ↑ 2,0 2,1 "Arranca el servicio del AVE entre A Coruña y Vigo" Arquivado 26 de setembro de 2018 en Wayback Machine. El Correo Gallego, 18/04/2015.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Fomento adjudica 68,4 millones a las obras de nueva estación Vigo-Urzáiz del Eje Atlántico de Alta Velocidad" en Interempresas.net (en castelán).
- ↑ Faro de Vigo (ed.). "O primeiro tren entra na estación do AVE". Consultado o 9 de marzo de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estación de Vigo-Urzaiz |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Blázquez, Xosé María. Vigo en el siglo XIX. De la antigua villa a la ciudad moderna.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Información na web de Adif
- Vigo-Urzáiz (1987-2011) en Estación del Ave en Vigo (Proyecto de Thom Mayne) (en castelán).
- Torres Carbajo, Fernando. «(1881-2015) Vigo: del ferrocarril a la Alta Velocidad»Arquivado 16 de outubro de 2018 en Wayback Machine. Vigo Electrónico, 27/3/2015.