Un ditongo é un fenómeno fonolóxico que ten lugar cando dúas vogais contiguas forman parte dunha mesma sílaba. En galego hai dous tipos de ditongos, aqueles que están formados por dúas vogais fracas ("i" e "u") e os que están formados por unha vogal forte e unha fraca, sen importar a orde.

O ditongo é o fenómeno contrario ao hiato. En caso de seren tres as vogais inseridas nunha sílaba emprégase o termo tritongo.

Para marcar a presenza dun hiato (ausencia de ditongo) emprégase nunha sílaba tónica o acento ou a diérese[1].

Tipos de ditongos

editar

Dependendo da secuencia das vogais na sílaba, podemos falar de dous tipos de ditongos:

Ditongos decrecentes

editar

Formados por unha vogal forte ou de maior abertura ("a", "e", "o") e outra fraca ou pechada ("u" ou "i"). Neste caso os órganos articulatorios pasan dunha posición aberta e outra pechada.

Os ditongos decrecentes son, a diferenza dos crecentes, moi estables en galego. Poden aparecer en sílaba tónica ou átona: "ai" (caixa, embaixada), "ei" (queixa, queixada), "oi" (noite, aboiar), "au" (raudo, automóbil), "eu" (bateu), "ou" (mouro, ousar). De entre eles, "au" é o menos característico do galego e o menos frecuente en voces patrimoniais.

Nos ditongos dáse neutralización das vogais de abertura media da serie anterior nun arquifonema /E/, que normalmente se realiza como [e] pechado. As vogais de abertura media da serie posterior neutralízanse en /O/ que se realiza como [o] pechado.

O caso de "iu", e "ui" é problemático por poderen presentar realizacións diversas na fala. Consideramos habitual que conformen un ditongo decrecente sempre e cando actúe como vogal tónica a primeira: par-tiu (pero dialectal *par-tí-o), pui-den. En posición átona preséntasenos o problema de decidir cal das dúas vogais é o núcleo silábico. En puideron semella imposible caracterizar o núcleo silábico se non mantemos reminiscencias de puiden.

Ditongos crecentes

editar

Chámanse así porque os órganos articulatorios pasan dunha posición pechada a outra aberta. Están formados por unha semiconsoante [j] ou [w] (realizacións en posición non nuclear de /i/ e /u/) e por unha vogal. As posibilidades de combinación para formar ditongos crecentes existen practicamente todas, aínda que con distinta frecuencia e rendemento:

  • "ia" (cambiar), "ua" (cuarto).
  • "ie" (ambiente), "ue" (frecuente). Aparecen normalmente en posición tónica e só o fan en átona en palabras derivadas daquelas que os presentan como tónicos (ambiental, frecuentar).
  • "io" (cumio), "uo" (amiguo). Danse en posición tónica e átona final.
  • "iu" e "ui", segundo a Gramática Galega de Álvarez, Regueira e Monteagudo, poden presentarse nesta posición moi raramente (a-cuí-fe-ro, lin-güis-ta). O xeral é que formen ditongos decrecentes. Se a vogal tónica é a segunda, hai hiato (mu-í-ño / pui-den), excepto nos dous casos anteriores (acuífero e lingüista). Se están en posición átona (muiñeiro) achámonos coa dificultade, sempre segundo a Gramática Galega, de saber cal é o núcleo vocálico.

As vogais de abertura media son realizacións dun arquifonema que representa a ausencia de oposición medio-aberta / medio-pechada.

En galego existe unha resistencia á pronuncia dos ditongos crecentes e unha tendencia a desfacelos realizándoos como hiatos, é dicir, a vogal prenuclear pasa a ser nuclear da sílaba precedente e mesmo a facerse forte: cam-biar > cam-bi-ar > cam-be-ar.

Os ditongos crecentes que máis frecuentemente se manteñen son "ie" e "ue".

  1. Emprégase a diérese para marcar un hiato (ruptura dun ditongo) na primeira e segunda persoa do plural do imperfecto de indicativo dos verbos rematados en "-aer", "-oer", "-aír", "-oír", e "-uír": moïamos, moïades. Os exemplos anteriores teñen catro sílabas e contrastan na pronuncia e na escrita (grazas a que a diérese ten función diacrítica) co presente de subxuntivo dos mesmos verbos (moiamos, moiades) que teñen tres sílabas.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Álvarez, Monteagudo e Regueira (1984): Gramática Galega. Editorial Galaxia.
  • Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2000): Gramática da Lingua Galega I. Fonética e Fonoloxía. A Nosa Terra.
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy