Saltar ao contido

MHC de clase II

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «MHC-II»)
Representación esquemática dunha molécula do MHC de clase II.

As proteínas do MHC de clase II (do inglés major histocompatibility complex), tamén chamadas CMH de clase II (de complexo maior de histocompatibilidade) son un dos dous grandes tipos de proteínas da superficie da membrana plasmática con función inmunitaria do complexo maior de histocompatibilidade (as outras son as de clase I), que se encontran só nas chamadas células presentadoras do antíxeno e nos linfocitos (a súa expresión pode ser inducida tamén noutras células). A súa función é facer a presentación do antíxeno aos linfocitos T axudantes (Th)[1].

Os antíxenos presentados polo MHC de clase II son péptidos que derivan de proteínas extracelulares que se introducen na célula (e non de proteínas citosólicas como as presentadas polo MHC I); polo que a ruta de presentación de antíxenos dependente do MHC II denomínase ruta endocítica ou ruta exóxena.

A carga das proteínas do MHC de clase II co péptido ten lugar por fagocitose. As proteínas extracelulares son endocitadas, dixeridas nun lisosoma, e unidas ás moléculas do MHC de clase II antes da migración da molécula á membrana plasmática. Durante a presentación do antíxeno o complexo MHC II-péptido interacción co receptor de células T do linfocito e lateralmente co correceptor CD4 linfocitario.

Estrutura da proteína

[editar | editar a fonte]

Igual que as moléculas do MHC de clase I, as de clase II son tamén heterodímeros [2]. Neste caso consisten en dous péptidos similares e case do mesmo tamaño chamados cadeas α e β, ambos os dous codificados nos xenes MHC (no cromosoma 6 en humanos).[3] Trátase de glicoproteínas con carbohidratos unidos. Os dominios de que constan denomínanse α1, α2, β1 e β2, que están codificados no xene HLA; cada un dos dominios está xeralmente codificado nun exón diferente dentro do xene, e algúns xenes teñen ademais outros dominios que codifican as secuencias líder, secuencias transmembrana etc.

Os dominios α1 e β1 forman o suco de unión para o péptido que se vai "presentar". Como o suco de unión ao antíxeno das moléculas MHC de clase II está aberto en ambos os extremos (o da clase I está pechado nos extremos), os antíxenos presentados polas moléculas do MHC de clase II son máis grandes ca os presentados polo MHC I, e xeralmente teñen unha lonxitude de entre 15 e 24 aminoácidos.

Estrutura dos xenes

[editar | editar a fonte]

O sistema xenético do MHC II preséntase no xenoma humano en 5 copias denominaas DP, DM, DO, DQ e DR cada unha cun xene alfa e un xene beta. Todos estes xenes son polimórficos agás o DM e DO que non o son. Dado que a proteína final é un dímero, este pode formarse de dous xeitos: ou en cis, unindo dous alelos do mesmo xene, ou en trans, unindo alelos de xenes distintos en codominancia. En conxunto poden, por tanto, obterse 12 sucos de unión para o péptido que se vai "presentar" por cada individuo (4 por cada copia de alelos) e unha variabilidade moito maior do que na clase I, a cal como máximo pode orixinar 3 sucos de unión distintos.

Reacción coas bacterias

[editar | editar a fonte]

Como no MHC de clase II se cargan proteínas extracelulares, a súa función é principalmente a de presentar antíxenos de patóxenos extracelulares, como bacterias que infectan as feridas ou o sangue. As moléculas de clase II interaccionan exclusivamente coas células T CD4+ axudantes (Th). Estas células despois axudan a desencadear unha resposta inmunitaria axeitada, que pode incluír a produción dunha inflamación localizada e o inchamento debido ao recrutamento de fagocitos ou pode levar a unha resposta inmune con anticorpos debido á activación de células B.

Durante a síntese das moléculas MHC de clase II no retículo endoplasmático, prodúcense as cadeas α e β e forman un complexo cun polipéptido especial chamado cadea invariante. A proteína MHC II nacente no retículo endoplasmático rugoso ten o seu suco de unión ao péptido bloqueado pola mencionada cadea invariante (en conxunto forman un trímero) para impedir que se una a péptidos celulares ou péptidos da ruta endóxena (como os que son cargados nas moléculas MHC de clase I).

A cadea invariante tamén facilita a exportación das MHC de clase II desde o retículo endoplasmático ao aparato de Golgi, seguido da fusión cun endosoma tardío que contén proteínas degradadas endocitadas. A cadea invariante despois degrádase en varias fases pola acción de proteases chamadas catepsinas, que deixan só un pequeno fragmento coñecido como CLIP, o cal mantén o bloqueo do suco de unión ao péptido da molécula de MHC II. A HLA-DM, que ten unha estrutura do tipo MHC II, facilita a eliminación da e permite a unión de péptidos con maiores afinidades. A molécula MHC II estable é despois enviada á superficie celular para a presentación do antíxeno.

Alfa Beta
HLA-DM HLA-DMA HLA-DMB
HLA-DO HLA-DOA HLA-DOB
HLA-DP HLA-DPA1 HLA-DPB1
HLA-DQ HLA-DQA1, HLA-DQA2 HLA-DQB1, HLA-DQB2
HLA-DR HLA-DRA HLA-DRB1, HLA-DRB3, HLA-DRB4, HLA-DRB5
  1. Schafer PH, Pierce SK, Jardetzky TS. The structure of MHC class II: a role for dimer of dimers. Semin Immunol. 1995 Dec;7(6):389-98. PMID 8775464. [1]
  2. "Structure of MHC proteins". Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2013. Consultado o 30 de xaneiro de 2013. 
  3. Narinder K Mehra. Histocompatibility Antigens. All India Institute of Medical Sciences, New Delhi, India [2] Arquivado 24 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy