República Social Italiana

A República Social Italiana (en italiano, Repubblica Sociale Italiana; RSI, AFI: [ˌɛrreˌɛsseˈi]), máis coñecida como República de Saló (Repubblica di Salò, [reˈpubblika di saˈlɔ]), foi un Estado monicreque da Alemaña nazi[1][2] que existiu durante os últimos anos da segunda guerra mundial, até que foi derrocada polos partisanos italianos. Foi establecido no norte de Italia, que estaba ocupada pola Wehrmacht alemá cando as forzas aliadas tomaron as rexións do sur do país.[3] Tiña formalmente a súa capital na cidade de Roma, mais na localidade de Salò residían case todos os seus líderes e alí encontrábase tamén situada a Agenzia Stefani, órgano oficial do Goberno italiano que enviaba desde Salò as mensaxes á prensa.

Modelo:Xeografía políticaRepública Social Italiana
Repubblica Sociale Italiana (it) Editar o valor en Wikidata

HimnoGiovinezza Editar o valor en Wikidata

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 45°36′26″N 10°31′42″L / 45.60711409, 10.52827885
CapitalSalò (pt) Traducir
Roma Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua italiana Editar o valor en Wikidata
Relixióncatolicismo Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creación23 de setembro de 1943 Editar o valor en Wikidata
Disolución25 de abril de 1945 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernounipartidismo
presidencialismo Editar o valor en Wikidata
Membro de
MoedaLira italiana Editar o valor en Wikidata

O novo Estado foi proclamado o 23 de setembro de 1943.[2] A pesar de que a RSI reclamaba baixo a súa soberanía a maior parte dos territorios italianos, a realidade é que o seu control político reduciuse a unha pequena porción territorial no norte de Italia. Aínda por riba, a República de Salò só recibiu recoñecemento diplomático de Alemaña, Xapón e os seus Estados monicreques, o que reflectía a escasa influencia do novo réxime. Benito Mussolini foi o seu primeiro e único xefe de Estado, constituíndo a RSI a última encarnación do modelo fascista italiano. A pesar do poder teórico que ostentaba Mussolini, oficiais de alto rango como o embaixador alemán Rudolf Rahn ou o comandante das forzas alemás en Italia, o xeneral Karl Wolff, eran os que tomaban as principais decisións políticas e militares.[4]

Historia

editar

Creación

editar

A República Social Italiana comezou a xestarse tras a manobra palaciana que culminou na destitución e arresto de Mussolini o 25 de xullo de 1943. Desde o mesmo momento en que tivo noticia destes feitos, o ditador alemán Hitler desconfiou do novo Goberno de Pietro Badoglio e comezou a preparar a súa resposta ante a inminente capitulación do Reino de Italia ante os aliados. Os plans de Hitler incluían, como punto fundamental, a liberación de Mussolini e o seu restablecemento no poder, a pesar das reticencias de moitos xerarcas nazis ao regreso do Duce: Hitler prefería que un novo Estado fascista facilitase a acción da Wehrmacht en territorio italiano antes que unha ocupación total que obrigase ás súas tropas moverse entre unha fronte de vangarda e outra de retagarda.

 
A república, as intervencións do Eixo e os Aliados e as frontes de guerra:      Territorios da República de Saló (República Social Italiana) en setembro de 1944      Territorios da República de Saló arrebatados polos Aliados de decembro de 1943 a setembro de 1944      Territorios ocupados polos Aliados · Raiado: zonas de operacións militares sometidas á autoridade militar alemá.
· Cuadriculado: zonas anexadas por Croacia.
· Topos vermellos: zonas baixo control partisano en 1944.

Así pois, tras o anuncio oficial da rendición italiana aos Aliados o 8 de setembro de 1943 (a firma da acta de capitulación produciuse en realidade cinco días antes), as tropas alemás entraron en Italia, tomando por sorpresa o seu desprevido exército, mentres o rei Víctor Manuel III e o mariscal Pietro Badoglio fuxían de Roma, deixando o campo aberto ao avance xermano.

O 12 de setembro (catro días despois de anunciarse a capitulación de Italia), un comando alemán, dirixido polo capitán das SS Otto Skorzeny levou a cabo a Operación Carballo, isto é, a liberación de Mussolini da súa prisión en Gran Sasso (Apeninos), máis concretamente, do hotel-refuxio de Campo Imperatore, onde se encontraba retido. Unha vez liberado, Mussolini foi levado a Alemaña e alí entrevistouse con Hitler.

Tras a súa destitución, arresto e liberación en pouco menos de dous meses, Mussolini mostrábase cansado das responsabilidades da guerra e pouco disposto a retomar o poder, pero Hitler instouno a volver a Italia e formar alí un novo Estado fascista baixo a protección da Wehrmacht, ameazando ao Duce con instalar a administración militar alemá en Italia e aplicarlle as mesmas penalizacións que un país ocupado en caso de non aceptar. Ante tal presión, Mussolini regresou a Italia e instalouse en Milán, desde onde o 15 de setembro anunciou a creación do Partido Fascista Republicano e, tres días despois, a continuación da guerra xunto a Alemaña e o Xapón. De inmediato o Duce anunciou a formación dun novo gabinete republicano, aínda que os seus ministros días antes foran elixidos e designados polo propio Hitler.

O novo réxime fascista

editar
 
Tropas da División Leibstandarte-SS "Adolf Hitler" en Milán (1943).

De regreso a Italia, Mussolini formou o 23 de setembro un novo Goberno, composto por partidarios do chamado réxime do ventenio (1922-43), aínda que sen fixar a súa capital en Roma, pois os intereses militares alemáns desaconsellábano e o propio Mussolini rexeitaba a idea de volver á capital, de forma que a sede do gabinete quedou establecida practicamente na pequena localidade de Salò (provincia de Brescia), onde residía Mussolini. Ao principio, o novo Estado de Mussolini estendíase desde a fronteira norte de Italia até a cidade de Nápoles. Mais o 27 de setiembre, a poboación napolitana levantouse en armas contra as tropas do Eixo, obrigándoas a retirarse tras catro días de loita. Por conseguinte, a fronteira sur da República fascista quedou fixada na liña Gustav, establecida polos alemáns á altura de Cassino para cortarlle o camiño ás tropas dos aliados occidentais cara a Roma.

O 1 de decembro de 1943 o novo Estado de Mussolini adoptou oficialmente o nome de República Social Italiana, declarando formalmente abolida a monarquía da Casa de Savoia, mentres que Mussolini e os membros do seu gabinete situaban a súa residencia permanente en Salò, onde permanecerían até o final da guerra. A nova república seguía xuridicamente os marcos constitucionais do antigo Reino de Italia, pero sen monarquía nin parlamento, concentrando aínda máis a autoridade política nas mans de Mussolini. A pesar desta concentración, o novo réxime actuaba baixo a enorme influencia dos mandos militares da Wehrmacht, que constituían o verdadeiro poder na RSI.

O recentemente creado Partido Fascista Republicano (PFR) quedou baixo o control e liderado do xornalista Alessandro Pavolini, que tamén se convertería nun dos principais colaboradores de Mussolini durante os seus últimos anos de goberno.[5]

O novo Goberno mussoliniano centrou gran parte das súas enerxías na represión dos antigos membros do Gran Consello Fascista que derrocaran o ditador en xullo de 1943: o proceso de Verona (8-10 de xaneiro de 1944) supuxo a condena á morte e execución de 5 dos citados ex xerarcas fascistas que estaban en poder dos seus antigos correlixionarios (un sexto procesado foi condenado a 30 anos de reclusión). Entre os executados atopábase o conde Ciano, xenro do propio Mussolini, quen votara o ano anterior en favor da destitución do Duce. Os 13 antigos membros do Gran Consello Fascista que se achaban en paradoiro descoñecido, foron condenados á morte en rebeldía.

Política interna

editar
 
Mussolini ante un miliciano fascista adolescente (1944)

Durante a existencia da República Social Italiana, Mussolini mantería varias entrevistas con Hitler, sendo a última coñecida a que tivo lugar o 20 de xullo de 1944, a tarde posterior ao atentado contra o ditador alemán. O Duce adoitaba regresar de tales entrevistas con ánimos renovados sobre un posible cambio da situación militar. Con todo, a realidade non tardaba en devolvelo ao máis completo pesimismo, acentuado pola evidencia ante as masas italianas sobre a súa escasa autoridade efectiva sobre o país, así como a do seu Goberno, subordinados totalmente aos designios de Berlín, obrigados a dar preferencia ás conveniencias estratéxicas da Alemaña Nazi aínda cando estas non fosen compatibles cos intereses dos seus teóricos aliados italianos.

A ocupación militar alemá provocou tamén que as SS interviñesen na represión contra a Resistencia italiana e na deportación dos xudeus italianos aos campos de exterminio nazi. A comunidade xudía italiana fora até entón discriminada desde 1938 pero nunca perseguida activamente polas autoridades fascistas, pero ao tornarse Italia noutro país ocupado polo nazismo empezaron xa desde 1943 os arrestos e deportacións contra os xudeus residentes no territorio italiano.

En tal situación, Mussolini trataba de gañarse o pobo con medidas populistas que resultaban case sempre de imposible realización práctica, como as anunciadas 18 aperturas sociais de Verona, á vez que a hiperbólica propaganda organizada por Roberto Farinacci (que insistía en presentar o Terceiro Reich como aliado e non como potencia ocupante) só conseguía desacreditar aínda máis o réxime e aumentar a xa de seu crecente simpatía do pobo italiano cara á Resistencia e aos Aliados. As continuas folgas paralizaban a economía do Estado fascista, debido ao forte descenso no nivel de vida entre os obreiros e á incapacidade do propio réxime para atender as necesidades básicas da poboación en canto a alimentación e servizos médicos.

Neste afán de buscar apoio popular, o propio Mussolini pediu a axuda do ideólogo comunista Nicola Bombacci, quen apoiou o réxime ao redactar unha serie de programas para a transformación económica de Italia, baixo o nome de socialización fascista, aproveitando o feito de que xa non existía na RSI a influencia monárquica da Casa de Savoia e que toda posible oposición ao réxime sería esmagada polos alemáns. Mussolini tentou presentarse ante a poboación como un auténtico socialista ansioso de reformas extremas, alegando que as presións da guerra impedíranlle executar o seu orixinal programa revolucionario en contra do capitalismo e do marxismo, co cal o Duce tentaba volver ás ideas socialistas que asumira 30 anos antes durante os seus anos xuvenís.

Na práctica as "leis socialistas" de Mussolini case nunca puideron aplicarse debido á franca desaprobación dos nazis, que se opuxeron a calquera tipo de socialización da economía, logrando manter a industria pesada do norte de Italia en mans privadas, aínda que baixo estreito control das autoridades militares da Wehrmacht, e anulando todo intento de Mussolini e os seus colegas por introducir reforma algunha. Ademais o control efectivo do Duce sobre o territorio italiano era moi precario e dependía da cooperación voluntaria dos xefes da Wehrmacht (quen mesmo chegaron a designar autoridades municipais italianas pola súa conta sen considerar o réxime mussoliniano).

Dependencia cara ao Terceiro Reich

editar
 
Bandeira de guerra da República Social Italiana. A bandeira oficial foi a tricolor carente de símbolos, aínda que a súa utilización foi nula.

A dependencia do réxime respecto da Alemaña nazi era case completa en canto ao sostén militar e as necesidades da súa economía, pois case toda a produción industrial italiana debeu dirixirse ao mercado alemán, sendo que a aguda escaseza de combustibles vitais en Italia (como petróleo e carbón) facía indispensable importalos de Alemaña.

Por causa diso o goberno mussoliniano viuse forzado a aceptar sen protestas a xermanización das rexións do Trentino e Istria en prexuízo da súa poboación italiana, así como a desaparición de todo vestixio de autoridade italiana nas cidades de Trieste e Fiume, as cales desde outubro de 1943 quedaron administradas directamente pola ocupación militar da Wehrmacht xunto cos seus distritos veciños, sen que os xefes militares alemáns permitisen que a RSI enviase autoridades sequera en teoría. Mentres tanto o territorio alpino do Alto Adigio (obtido por Italia en 1918) foi inmediatamente anexionado ao Terceiro Reich en calidade de distrito (ou Gau) e empezouse a expulsar os seus habitantes italianos.

Hitler considerou en todo momento que as urxencias bélicas alemás estaban por enriba dos plans políticos do Duce e dispuxo que, na práctica, Italia fose administrada igual que calquera outro país ocupado. De feito, tras a destitución de Mussolini, o armisticio de Badoglio e a creación dun goberno antifascista no sur de Italia, os líderes nazis sentían moi pouco respecto pola "República Social Italiana" e as autoridades alemás de ocupación admitían que o réxime mussoliniano só resultaba útil para tarefas menores de represión política e orde pública, considerando incapaces os burócratas da RSI para tarefas serias de administración pública.

A deterioración económica causado pola guerra, as crecentes actividades da Resistencia italiana, as presións bélicas e industriais dos alemáns, ademais do escaso poder real de Mussolini, facían imposible que o réxime puidese cumprir as súas promesas de transformación radical, ao cal uníase a desmoralización dos propios militantes fascistas ao longo do ano 1944 ante a evidencia da derrota final do nazismo. Desde inicios de 1944 Mussolini realizaba cada vez menos aparicións públicas, sendo a última o 16 de decembro de 1944 en Milán, e pasaba os días na súa residencia de Salò, severamente resgardado e vixiado por pelotóns das Waffen SS (e non por milicianos fascistas).[6]

Fin da República Social Italiana

editar
 
Soldado Sikj do Exército Británico cunha esvástica capturada, no norte de Italia.
 
De esq. a der., os corpos de Bombacci, Mussolini, Clara Petacci, Pavolini e Achille Starace exhibidos na Praza de Loreto.

En marzo de 1945 facíase predicible o resultado final da guerra, e Mussolini empezou a considerar diversas alternativas xunto cos seus colegas da xerarquía fascista. Unha opción era unha retirada á rexión alpina de Valtellina para resistir alí de xeito similar ao "reduto alpino" de Hitler, tentar unha desesperada batalla final que transformase Milán nun "Stalingrado do fascismo", ou chegar a un acordo cos Aliados para evitar represalias dos partisanos, mais ningunha destas alternativas logrou facerse viable.

Houbo en abril varios contactos infrutuosos do ditador cos partisanos para tratar de negociar a rendición do seu Goberno ante os Aliados (contactos que contaron coa mediación do arcebispado milanés), que se viron impulsados, a pesar das reticencias de Graziani, pola noticia de que as tropas alemás en Italia negociaban de feito a súa propia rendición ante os Aliados ás costas de Mussolini, negándose a Wehrmacht a asumir ningunha responsabilidade polo Duce ou os seus seguidores. Incluso o último xefe supremo das forzas da Wehrmacht en Italia, o xeneral Heinrich von Vietinghoff (que desde febreiro de 1945 substituía ao xeneral Albert Kesselring nese cargo), liberaba a importantes prisioneiros da Resistencia italiana en sinal de boa vontade mentres negociaba acordos cos partisanos para que deixasen partir de volta a Alemaña os soldados da Wehrmacht, aínda que sen éxito.

Mussolini e o seu réxime carecían de forza militar para impedir que a Wehrmacht actuase pola súa conta, e foi en balde o intento do Duce para armar unha columna de 5000 milicianos fascistas que o defendesen até o final. O 25 de abril de 1945, coincidindo coa entrada dos Aliados no val do Po, estalou a insurrección partisana xeral no norte de Italia, que culminou coa toma do poder o día 28 por parte do Comité de Liberación Nacional da Alta Italia en Xénova, Turín e Milán que, tras proclamar o Estado de emerxencia, puxo fóra da lei os dirixentes fascistas, para quen decretara a pena de morte desde o día 25. Simultaneamente os partisanos atacaban as guarnicións alemás das grandes cidades e cara ao 28 de abril conseguían tomar o control de case todas as grandes cidades do norte de Italia, ás veces tras serias baixas.

Decatado do sucedido o 25 de abril, Mussolini disolveu inmediatamente o seu Goberno en Salò e tratou de escapar rapidamente a Suíza disfrazado xunto con outros líderes fascistas e a súa amante Clara Petacci, uníndose a un convoi de soldados alemáns. Con todo, o convoi foi detido por partisanos nas alturas alpinas o 27 de abril, quen permitiron a retirada do alemáns pero esixiron a cambio a entrega de todos os italianos que fuxían; nesas circunstancias o Duce foi recoñecido entre os fuxitivos e capturado por un grupo de partisanos. Ao día seguinte Mussolini morreu fusilado xunto con Clara Petacci e unha ducia de xerarcas que os acompañaban na fuxida.

O 29 de abril de 1945, o mariscal Graziani, que se mantivo leal ao fascismo e foi feito prisioneiro polos Aliados, rubricou por poderes a chamada Rendición de Caserta, consistente na capitulación oficial do exército fascista italiano (asunto de incumbencia de Graziani como "ministro de defensa" da RSI). No entanto, o 30 de abril os Estados Unidos e o Reino Unido manifestaron que só aceptaban a rendición das tropas italianas fascistas pero rexeitaron unha capitulación da República Social Italiana como "goberno" porque xamais o recoñeceron, e con iso admitían ambos os países de modo tácito que só a Resistencia italiana podería decidir a sorte dos líderes fascistas capturados. Este documento selou a fin da RSI, sendo que o 3 de maio capitularon os restos da Wehrmacht que aínda seguían en Italia, comprometendo coa súa rendición os últimos soldados fascistas italianos.

Relacións exteriores

editar

Desde o comezo, a República Social Italiana foi pouco máis que un estado monicreque baixo o control de Alemaña, sen poder real. En consecuencia, a RSI só recibiu recoñecemento diplomático da Alemaña nazi, Xapón e os seus estados monicreques. Incluso a noutro tempo favorable España franquista rexeitou establecer relacións coa RSI.[7] Os alemáns tampouco confiaron na capacidade dos fascistas italianos para controlar o seu propio territorio.

Perdas territoriais

editar

Inmediatamente despois de producirse a capitulación italiana, Alemaña fíxose co control directo dalgúns territorios italianos.[8] A pesar das demandas dalgúns líderes nazis locais, Hitler rexeitou a anexión oficial e completa do territorio de Tirol do Sur; no entanto, as autoridades alemáns emprenderon numerosas medidas que apuntaban cara a unha anexión xermana nun futuro.[9] O territorio do Tirol meridional quedou dentro da zona que os alemáns denominaban Operationszone Alpenvorland, que tamén incluía a Trento, Bolzano e Belluno, e de feito este territorio "especial" quedou integrado no Reichsgau Tirol-Vorarlberg e foi administrado polo Gauleiter Franz Hofer.[10] Os alemáns tamén crearon a chamada Operationszone Adriatisches Küstenland, que incluía a Udine, Gorizia, Trieste, Pola ou Fiume, e que quedou incorporado ao Reichsgau de Carintia e administrado polo Gauleiter Friedrich Rainer.[11]

Do mesmo xeito que outros territorios, as illas italianas do mar Exeo foron ocupadas polos alemáns. No entanto, durante a ocupación alemá as illas continuaron estando en teoría baixo soberanía nominal da RSI, aínda que de facto atopábanse suxeitas ao mando militar alemán.[12]

O 10 de setembro de 1943 o Estado Independente de Croacia (NDH) declarou que os Tratados de Roma do 18 de maio de 1941 que asinaran co Reino de Italia xa non tiñan ningunha validez e os croatas decidiron anexionarse a porción de Dalmacia que se convertera nunha provincia italiana tras a ocupación de Iugoslavia, a partir dos mencionados acordos.[13] O goberno pronazi de Ante Pavelić tamén tentou que a cidade de Zara fose anexionada a Croacia, pero nesta ocasión os alemáns opuxéronse. Debido a estas circunstancias, os gobernos de Salò e Zagreb non mantiveron relacións diplomáticas.[13]

A Concesión italiana de Tientsin na China foi cedida ao Goberno monicreque de Nankín.

Forzas armadas

editar

Exército

editar
 
Soldados do ENR en formación (marzo de 1944).
 
Soldados da RSI despregados durante a Batalla de Anzio.

Desde outubro de 1943 o novo réxime ditatorial dedicouse á organización das súas Forzas Armadas a cargo do mariscal Rodolfo Graziani, quen, como ministro de defensa, só logrou formar catro divisións de soldados, que serían adestrados en Alemaña e que acabarían servindo, na práctica, máis para a loita contra a resistencia partisana que para combater na fronte, salvo moi contadas excepcións. Moitos foron recrutados á forza, o que contribuíu a un alto índice de desercións.[14] O novo exército quedou formado por algúns homes do Regio Esercito que se mantiñan leais ao fascismo, xunto con outros militantes fascistas que foran recrutados polos alemáns para constituír unidades de combate, e foi denominado Esercito Nazionale Repubblicano (ENR).

A posibilidade de formar grandes masas de soldados era bastante limitada dado que un gran número de posibles reservistas xa estaban a traballar como obreiros forzados na Alemaña ou na mesma Italia, mentres que moitísimos antigos soldados profesionais do Regio Esercito estaban apresados polos nazis ou uníronse á Resistencia italiana e aos Aliados. A necesidade de recrutar novos soldados chegou a ser tan acuaciante que a RSI chegou a ofrecerlle a moitos presos a conmutación do cárcere a cambio de que se unisen ao Exército.[15] Doutra banda, os mandos da Wehrmacht desconfiaban da lealdade dos potenciais novos recrutas italianos, e evitaron que o ENR aumentase de tamaño. As tropas do ENR só loitaron nunha ocasión contra forzas angloestadounidenses en decembro de 1944, no val de Garfagnana, xunto a forzas alemás.

Aviación e armada

editar

Os aparellos da Regia Aeronautica que permaneceron no norte de Italia foron capturados polos alemáns e moitos deles pasaron a ser operados pola Luftwaffe, que os incorporou ás súas propias escuadrillas. Pouco despois da fundación da RSI, decidiuse a creación da chamada Aeronautica Nazionale Repubblicana (ANR), formada a partir daqueles pilotos que se mantiveron fieis a Mussolini. As súas escasas unidades foron utilizadas principalmente para combater incursións aéreas aliadas en colaboración coas forzas aéreas alemás. Algunhas unidades da ANR chegaron a operar na Fronte oriental. A pesar do bo desempeño da "Aeronautica Nazionale", a Luftwaffe tentou varias veces desmantelar a ANR e absorbela, sen éxito.

Moi poucas unidades da Regia Marina se adheriron ao novo réxime mussoliniano (apenas catro torpedeiros armados e dous destrutores) pero igualmente estas pasaron a denominarse Marina Nazionale Repubblicana, xogando un papel puramente testemuñal. Un caso especial foi o da Decima Flottiglia MAS (o corpo elite de submarinistas dirixidos por Junio Valerio Borghese), xa que moitos dos seus antigos membros mantivéronse fieis a Mussolini, aínda que continuarían operando en operacións terrestres, especialmente na represión do movemento partisano.

Unidades paramilitares

editar

Ademais deste exército regular formáronse grupos de soldados da nova República fascista da máis variada orixe e organización, aínda que todos encadrábanse no marco competencial do Ministerio de Graziani. Mussolini chegou, mesmo, a militarizar o propio Partido Fascista, coa creación das Brigadas Negras Móbiles, o 21 de xuño de 1944, aínda que tal medida non resultou de utilidade práctica. A militarización das milicias acabaría provocando un forte conflito entre o mariscal Graziani e o xefe do Partido Fascista Republicano, Alessandro Pavolini. Pola súa banda, a antiga Milicia Voluntaria para a Seguridade Nacional (MVSN), cuxos membros eran popularmente coñecidos como Camisas negras, foi creada novamente, pero esta vez coa denominación oficial de Guardia Nazionale Repubblicana (GNR).

Unha excepción especial foi a división Legione X, creada de forma independente polo príncipe Junio Valerio Borghese, antigo oficial da armada italiana e ardente admirador dos nazis, quen colocou o seu grupo altamente profesionalizado baixo as ordes directas da Wehrmacht. A diferenza do que ocorría con outros comandantes italianos, no caso de Borghese os alemáns tiñan plena confianza nel. Como reflexo do ambiente que existía, o propio Borghese comentou que "se el mesmo puidese, collería prisioneiro a Mussolini".[15]

Waffen-SS
editar

O Reino de Italia o 8 de setembro de 1943 asinou un armisticio cos Aliados. En resposta, o Exército alemán e as Waffen-SS desarmaron as tropas italianas que non estivesen a loitar pola causa alemá. A nova República Social Italiana foi fundada o 23 de setembro de 1943 baixo o duce Benito Mussolini. O 2 de outubro de 1943, Heinrich Himmler e Gottlob Berger idearon o Programm zur Aufstellung der italienischen Milizeinheiten durch die Waffen-SS ('Programa para o despregamento das forzas da milicia italiana polas Waffen-SS') que foi aprobado por Adolf Hitler e Benito Mussolini.

  1. Renzo De Felice (2002). Breve storia del fascismo, Milán, Mondadori, pp. 120-121
  2. 2,0 2,1 Bruce F. Pauley (2003), Hitler, Stalin and Mussolini: Totalitarianism in the Twentieth Century Italy, Wheeling: Harlan Davidson, páx. 228
  3. "1945: Mussolini fuzilado". Deutsche Welle 27.04.2006 (en portugués). 2006. Consultado o 25 de decembro de 2007. 
  4. Tim Cooke, Adrian Gilbert, Robert Stewart, et al. (2004). History of World War II, Marshall Cavendish Corporation, ISBN 076147482X, páx. 560
  5. Álvaro Lozano (2012). Mussolini y el fascismo italiano, Marcial Pons Eds. de Historia, páx. 493
  6. Jasper Ridley (2000). Mussolini: A Biography, Cooper Square Publ Inc, ISBN 0815410816, páx. 362
  7. Alexander J. De Grand (2000). Italian fascism: its origins & development, University of Nebraska Press, ISBN 0-8032-6622-7, páx. 131
  8. Susan Zuccotti, Furio Colombo (1996). The Italians and the Holocaust: Persecution, Rescue, and Survival, University of Nebraska Press, páx. 148
  9. Rolf Steininger (2003). South Tyrol: A Minority Conflict of the Twentieth Century, Paperback, páx. 69
  10. Giuseppe Motta (2012). The Italian Military Governorship in South Tyrol and the Rise of Fascism, Edizioni Nuova Cultura, páx. 104
  11. Arrigo Petacco (2005). Tragedy Revealed: The Story of Italians from Istria, Dalmatia, and Venezia Giulia, 1943-1956, Toronto:University of Toronto Press, páx. 50
  12. Nicola Cospito; Hans Werner Neulen (1992). Salò-Berlino: l'alleanza difficile. La Repubblica Sociale Italiana nei documenti segreti del Terzo Reich, Mursia, páx. 128
  13. 13,0 13,1 Jozo Tomašević (2001). War and Revolution in Yugoslavia, 1941-1945: Occupation and Collaboration: 1941-1945: Occupation and Collaboration, Stanford University Press, páx. 300
  14. David Solar (2005). "Mussolini. Un trágico y sórdido epílogo", La Aventura de la historia, n.º 78, ISSN 1579-427X, pp. 24-35
  15. 15,0 15,1 Denis Mack Smith (1983). Mussolini: A Biography, New York: Vintage Books, páx. 308

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar


pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy