O príncipe é unha obra literaria de Niccolò Machiavelli, escrita en 1513 co título de Il principe e adicada a Lourenzo de Medici. Foi traducido ao galego por Isabel González e publicado pola Universidade de Santiago de Compostela en 2002[1].

O príncipe
Título orixinalIl principe
Autor/aNiccolò Machiavelli
OrixeItalia e República de Florencia
Linguaitaliano
Tema(s)política e ciencia política
Xénero(s)ensaio
Data de pub.Italia1513
Galicia2002
TraduciónIsabel González
Na rede
BNE: XX2016908
editar datos en Wikidata ]

Contexto

editar

Ao longo da súa vida Niccolò Machiavelli ocupou diferentes cargos ao servizo da República e destacou sobre todo polas súas misións diplomáticas. No ano 1512 unha revolución rematou coa República e regresaron os Medici, co que Machiavelli pasou a ser privado dos seus cargos e máis tarde encarcerado e torturado.

 
César Borgia, Retrato de Giorgione.

Despois da súa posta en liberdade, Niccolò Machiavelli retirouse da vida política e centrouse en desenvolver a súa actividade literaria. Unha das obras máis destacadas do florentino é Discorsi sulla prima Deca di Tito Livio, redacción da cal interrompeu para escribir O príncipe. Destaca a diversidade radical desta concepción; mentres os Discursos mostran un talante republicano, O príncipe ten como protagonista ao monarca.

O príncipe

editar

Redactado en 1513, non foi publicado ata cinco anos despois da súa morte. Nesta obra, Machiavelli propuxo as condicións que habían de caracterizar a un príncipe, entendida esta figura como cabeza ou xefe do Estado. É un libro práctico, pois pretende dar normas de acción. Intentou teorizar sobre a natureza do Estado, sobre a sociedade en que se sustenta e sobre todo nas formas de adquirir e perder o poder e as formas de manterse nel. A obra está profundamente determinada polo contexto histórico no que foi escrita. A situación política que caracterizaba a Italia do século XVI trouxo a necesidade de requirir a actuación de estadistas poderosos, que consolidaran un Estado forte e unificado, unha orde nova personalizada nun príncipe novo ao que Machiavelli convoca con urxencia á tarefa de redimir o país. De aí tamén que reivindique ao gobernante unha política exterior agresiva e que a guerra se constitúa coma un instrumento básico para a formación do seu principado. Neste último sentido, tamén sinala a importancia que debía ter o seu exército na organización dun Estado.

Estrutura

editar

O primeiro bloque abrangue do capítulo I ata o IX, onde se analizan tanto a natureza e clases de principados como as condicións para crealos, consolidalos e mantelos. Contén definicións de termos políticos.

Machiavelli distingue entre dous tipos de Estados: as repúblicas e os principados, dentro destes últimos distingue á súa vez os que son herdados e os que son novos. Estes tipos de Estados, que reflicten fielmente o existente na época, teñen características diferentes tanto como pola forma de gobernarse como pola forma de conservalos: ...os Estados herdados e acostumados á liñaxe do seu príncipe, a dificultade de conservalos é bastante menor que no caso dos novos, posto que é suficiente con respectar a orde dos seus antepasados (Cáp. II).

Tamén diferencia entre dúas formas de goberno: aqueles principados gobernados por un príncipe e os seus servos (convertidos estes en ministros por graza e concesión súa) e os gobernados por un príncipe e por nobres (os cales posúen dito grao non pola graza senón por herdanza familiar). Claro está, segundo Machiavelli que sería máis difícil conquistar o primeiro tipo de goberno pero pola contra, sería máis fácil conservalo.

Por último, distingue entre catro formas de xefatura do corpo político, pola virtude, Machiavelli entende por virtude, a enerxía, a capacidade, o valor e o saber técnico mediante os cales o príncipe organiza e orienta a súa acción cara aos seus fins, en definitiva é decisión e prudencia, a virtude dirá Machiavelli aspira á gloria; a fortuna, factor externo básico da acción humana que como elemento imprevisible dirixe aos homes e aos pobos, pero a pesar diso, amén de mudable, escolle aos impetuosos para realizar os seus designios; por medio de accións criminais e contrarias á lei humana e divina ou por favor dos seus cidadáns.

Un segundo bloque serían os capítulos XII e XIV que tratan sobre o aparello militar, neles abórdanse os riscos inherentes ás tropas mercenarias tan habituais na súa época e sobre as obrigas do príncipe. Machiavelli defende a idea de formar un exército propio e cre que unha das causas da fragmentación de Italia son as tropas mercenarias. O obxecto dun príncipe, afirma o autor, non é outro que a guerra e a súa organización, que debe examinarse de dúas formas: por un lado de obra e por outro mentalmente.

O terceiro bloque que abarca desde o capítulo XV ata o XXI, reflexiona en torno ás calidades que deben guiar as accións dos príncipes, os recursos psicolóxicos que debe atesourar o príncipe moderno para conservar o poder e sentar as bases da dominación social sobre os seus súbditos. Constitúe este bloque a parte máis universal e atemporal do discurso e sobre a que se intentou fundamentar máis as críticas morais á obra a partir da concepción maquiavélica da dialéctica entre medios e fins.

O cuarto bloque serían os dous últimos capítulos (XXIV e XXV), que verían ser a tradución da crise italiana dos aspectos anteriormente descritos. É aquí onde toda a articulación teórica do texto alcanza a súa plenitude e se invoca ao príncipe novo que levante desde a súa virtude a orde tamén nova que a necesidade histórica reclama.

Capítulo a capítulo

editar

Está dividido en 26 capítulos

  • I - Das diferentes clases de principados e de como se conquistan; II - Dos principados hereditarios

Nestes dous capítulos o autor fai unha distinción entre as clases de principados, sinalando que existen os herdados e os novos; os primeiros, son os que se herdan da familia, o príncipe herda dereitos dinásticos, e que en realidade eles non teñen maior problema para gobernar e conservar o poder, porque seguen a tradición e xa están estabilizados; agora ben, os novos, son máis fráxiles debido a que estes normalmente orixínanse a partir de conquistas que se fan noutros Estados, e teñen que facer o traballo para impoñerse e así, poder conservar o poder.

  • III - Dos principados mixtos

Nesta parte da súa obra, Machiavelli trata sobre os principados mixtos, aqueles que non son enteiramente novos e posúe un membro engadido a un principado antigo xa posuído. Aseméllase moito aos principados novos e ten case as mesmas dificultades para conservar o poder. Considéranse varias estratexias para conservar este principado: a primeira, eliminar a liñaxe do príncipe anterior e non alterar as leis, nin aumentar os impostos.

  • IV - Dos motivos polos que o reino de Darío conquistado por Alexandre non se rebelou contra os sucesores trala súa morte

Nesta parte o autor sinala que os principados coñecidos son gobernados de dous modos. O primeiro, consiste en que o faga un príncipe asistido por outros, que veñen a ser súbditos que teñen a graza do príncipe; o segundo, componse dun príncipe, asistido de homes, que teñen o seu posto por antigüidade na familia e non pola graza do príncipe.

  • V - De como convén gobernar as cidades ou os principados que antes de ser conquistados se rexían polas súas propias leis

Neste escenario, o autor sinala que existen tres formas de conservar este tipo de gobernos, como son: levalos á ruína, ir vivir con eles e/ou deixalos coas súas leis, pero creando un control no eido tributario e xudicial, para así conservar a fidelidade e asumir o control do poder.

  • VI – Dos principados novos que se conquistan con armas e virtude propias

Aquí o autor fai referencia ás soberanías novas que se adquiren coas propias armas e valor. Neste sentido sinala que, os que adquiren o principado por medio do valor experimentan dificultades con relación ás novas leis ou estatutos que impoñan para fundar o novo Estado e a seguridade.

  • VII - Dos principados novos que se conquistan coas tropas e coa fortuna alleas

Neste sentido Machiavelli manifesta que aqueles particulares que foran elevados a un principado só pola fortuna, chegan a el sen moito traballo, pero teñen que facer un grande esforzo para conservalo.

  • VIII – Dos que chegaron ao principado mediante delitos

O autor refírese a aqueles que chegaron ao principado por medio de maldades, como a matanza, a traizón, a absoluta falta de fe, entre outras. Neste caso considérase que non se consegue ningunha gloria, cando os actos de severidade son mal usados xa que van sempre en aumento e se multiplican día a día, no canto de diminuír.

  • IX – Do principado civil

Aquí exponse o caso no que un particular se faga príncipe sen valerse de crimes e violencias intolerables, senón do auxilio dos seus concidadáns, combinado cunha astucia acertada. É importante sinalar que, un príncipe que ten o pobo ao seu favor, e que conserva o seu afecto, tende a consolidar o poder, a diferenza do que ten en contra ao pobo.

  • X – De como han valorarse todas as forzas dos principados

Neste capítulo trátase a forma de como deben medirse as forzas dos principados, onde o autor da a coñecer dous escenarios. O primeiro, onde o príncipe conta coa forza suficiente para gobernar por si mesmo, neste caso presúmese que ten as suficientes armas e diñeiro, o apoio do pobo; e o segundo caso, dáse cando ten que auxiliarse nos demais, debido, entre outras causas, a que se ven obrigados a encerrarse dentro dos seus muros e cinguirse a resgardo.

  • XI - Dos principados eclesiásticos

Resalta o seu desprezo pola política temporal da igrexa, manifestando que non hai dificultade ningunha mais que adquirir a súa posesión, e que non hai necesidade do valor ou da fortuna para conservalos. Igualmente, considera que estes príncipes teñen Estados sen estar obrigados a defendelos, así como aos seus súbditos.

  • XII – Dos tipos de exércitos e dos estados mercenarios; XIII – Dos exércitos auxiliares, mixtos e propios; XIV – Das obrigas dun príncipe respecto do seu exército

Nestes tres capítulos aborda a problemática da seguridade e as armas, afirmando que, un Estado só é libre e seguro se dispón dun exército propio ben organizado sobre a base do recrutamento do cidadán. De igual forma, sinala que as armas mercenarias e auxiliares amosan a dependencia e a debilidade dun Estado. Neste mesmo sentido expón que un príncipe non debe ter outro obxecto, outro pensamento, nin cultivar outra arte máis que a guerra, a orde e a disciplina dos exércitos.

  • XV – Dos motivos polos que os homes e, especialmente, os príncipes son loados ou censurados

O autor trata das cousas polas que un príncipe é loado ou censurado, dándolle especial importancia ao concepto de virtude política dun príncipe, que é a que vai indicar a forma de conservar o poder, e de manipular dito coñecemento segundo a conveniencia e a necesidade.

  • XVI – Da xenerosidade e da moderación

Neste sentido, Machiavelli expón os pro e os contra de dar a coñecer a virtude da xenerosidade ante o seu pobo, de forma esaxerada, polo que considera que se debe ser moderado e prudente en canto a exercer esta virtude. Así evitarase o odio e repudio dos seus gobernados.

  • XVII - Da crueldade e da compaixón e se é mellor ser amado que temido e viceversa

Desde este punto de vista, o autor afirma que todo príncipe debe ser tido como un home compasivo, e non cruel. Considera que o príncipe debe ser amado e temido, mais nunca odiado, e antes de ser amado o máis importante é ser temido. Neste sentido, debe coidar que o temor non leve ao odio do seu pobo.

  • XVIII - De que xeito deben os príncipes manter a súa palabra

Comeza por dicir que o príncipe que cumpre coa súa palabra é digno, pero logo aclara que a experiencia demostrou que estes non foron fieis á súa palabra e que recorreron á astucia para enganar aos seus gobernados, e así lograr os seus fins. Así mesmo sinala que hai dous modos de combater: pola forza e pola lei. Considera que primeiro hai que recorrer ás leis, pero que tamén hai oportunidades nas que hai que aplicar a forza, dependendo das situacións, e se ditas circunstancias o favorecen ou o prexudican.

  • XIX – De como hai que evitar o desprezo e o odio

Aquí o autor expresa que o príncipe debe por todos os medios evitar ser desprezado e odiado polos seus gobernados, cumprindo así coa súa obriga de respectar, por exemplo, a propiedade allea, entre outras cosas. Así mesmo, debe evitar a mala reputación, evitando cualificativos como lixeiro, amullerado,etc., que o levarían ao menosprezo. Contrario ao anteriormente exposto, o príncipe debe ter moita astucia, e preservarse como un home con grandeza e fortaleza.

  • XX – Da utilidade ou inutilidade das fortalezas e outras moitas cousas que os príncipes fan acotío

Considera o autor algunhas accións que emprende o príncipe para manter seguros aos seus Estados, como o son: o desarme dos seus súbditos, a división das terras, entre outras; acciones que el critica enerxicamente, sinalando os pro e os contra que traen consigo a execución das mesmas. Así mesmo, o autor afirma que a mellor fortaleza é non ser odiado polo pobo, porque por moitas fortalezas que teñas, se o pobo o odia, non se salvará.

  • XXI - De como un príncipe debe obrar para ter prestixio

Machiavelli considera que o príncipe, para ser estimado, debe dar exemplo coa súa propia persoa e as súas fazañas, conseguir que o pobo teña unha sensación de seguridade con respecto a el, dar a coñecer aos seus gobernados o recoñecemento dos seus talentos e honralos, entre outras cosas.

  • XXII - Dos secretarios dos príncipes; XXIII - De como convén fuxir dos aduladores

Aquí o autor cre que é importante para o príncipe a escolla dos seus ministros e os aduladores, e que a posibilidade de que sexan bos ou malos vai depender da prudencia do príncipe. Principalmente, considera que os ministros deben ser leais e as súas accións deben ir dirixidas ao benestar do seu señor. Todo isto fortalecerá a imaxe do principado e a súa consolidación.

  • XXIV - Do motivo polo que os príncipes de Italia perderon os seus estados; XXV - Do poder da fortuna nas cousas humanas e de como enfrontarse a ela; XXVI - Exhortación a que alguén se poña á fronte de Italia, a libere e a vingue dos bárbaros

Nestes capítulos Machiavelli analiza as causas da ruína de Italia, a perda dos Estados, e a posibilidade de reordenar o Estado, sendo a orientación da súa obra o estudo dos principados novos. Por outra parte, analiza a virtude e a fortuna, co obxecto de demostrar que a virtude e a audacia teñen un lugar moi importante no desenvolvemento e conclusión da loita política.

Finalidade

editar

Esta obra de Machiavelli tivo e ten un grande interese político. O seu autor foi definido en moitas ocasións como un personaxe de enrevesadas ideas (de todos é coñecida a popular expresión ter ideas maquiavélicas).

As súas reflexións foron obxecto de moitas críticas, para el a moral e a ética déixanse nun segundo plano cando se trata do mantemento do gobernante no poder. Así xustifica determinados comportamentos e calidades que debe ter o príncipe para manterse no poder. Estas condicións e aptitudes resúmense na súa capacidade de aproveitar situacións e manipular desexos e vontades de tal modo que sexan consideradas como medios e non como fins, calidades que a nós nos parecen amorais. Segundo el un príncipe pode ser cruel ...debe por tanto un príncipe non preocuparse da fama de cruel se a cambio mantén aos seus súbditos unidos e leais porque con poucos castigos exemplares será máis clemente que aqueles outros que por excesiva clemencia permiten que a desorde continúe (Cáp. XVII); pode ser hipócrita ... é necesario saber colorear ben esa natureza e ser un gran simulador e disimulador(Cáp. XVIII) e sobre todo e o máis importante permíteselle o uso da violencia como instrumento de cohesión social, se ben non é bo o seu uso continuado.

Outro aspecto importante da súa obra é o profundo desprezo cara á concepción humana, motivadas por unha situación política controvertida e por unha visión persoal do mundo e dos homes totalmente pesimista. Así se observa en moitas das súas frases: segundo el o home non é bo ...porque un home que queira facer en todos os puntos profesión de bo, labrará necesariamente a súa ruína entre tantos que non o son (Cáp. XV), describe as calidades dos homes ... pódese dicir dos homes o seguinte: son ingratos, volubles, simulan o que non son e disimulan o que son, foxen do perigo, están ávidos de ganancia; e mentres lles fas os favores son todos teus, ofrécenche o sangue, os bens, a vida, os fillos cando a necesidade está lonxe; pero cando se che bota enriba volven a cara... (Cáp. XVII).

  1. Ficha Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine. na web da USC.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy